Saturday 20 de April de 2024

A Xunta destinará 11 M€ á nova convocatoria das axudas ao alugueiro, ue se complementarán co Bono Social e co Bono Mozo


— Ángeles Vázquez lamenta que o Bono mozo “non acabe de arrancar” á espera de que o Goberno central aclare se vai permitir a mobilidade dos beneficiarios entre comunidades ou habilitará unha plataforma única para xestionar estas subvencións

— A responsable galega incide en que, a través do programa Rexurbe, o Goberno galego destinará 7,2 M€ aos municipios da Coruña e de Betanzos, entre os investimentos xa executados e os fondos estimados para obras de rehabilitación e novas adquisicións

— Salienta o impulso á promoción da vivenda protexida na cidade, coas 80 VPP previstas en Xuxán e as cinco parcelas de solo residencial que sairán a concurso este semestre

A Xunta de Galicia prevé destinar este ano 11 millóns de euros a lanzar unha convocatoria plurianual das axudas ao alugueiro, un programa de apoio aos arrendatarios que se verá complementado tamén polo Bono de alugueiro social para colectivos vulnerables e polo novo Bono de alugueiro mozo para menores de 35 anos.

Así o subliñou hoxe na Coruña a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na cidade, Gonzalo Trenor, e ante uns 130 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 20 concellos que integran a área coruñesa, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Así, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade herculina para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios nesta comarca.

No caso concreto das subvencións en materia de alugueiro, que son das que máis expectativas e solicitudes xeran cada ano, explicou que proximamente o seu departamento publicará unha nova convocatoria plurianual das axudas ao alugueiro dotada previsiblemente de 11 millóns de euros, aínda que precisou que a contía exacta dependerá do convenio do Plan estatal de vivenda, pendente de sinatura.

Ademais, a conselleira lembrou que este ano tamén se reservan 3,3 millóns para renovar as subvencións outorgadas no marco das anteriores convocatorias deste programa, que prevé axudas de ata 250 euros ao mes durante un ano, prazo prorrogable.

De igual xeito, as persoas que teñan a condición de inquilinos en Galicia tamén poderán optar ao Bono de alugueiro social—cun orzamento de 860.000 euros que se vai ampliar— e ao Bono destinado ao alugamento de vivendas para vítimas de violencia de xénero, dous programas impulsados pola Xunta para axudar aos colectivos máis vulnerables.

Ademais, tamén se referiu ao novo Bono de alugueiro mozo, dirixido a arrendatarios de menos de 35 anos e que está a espertar “grande interese” entre a xuventude galega aínda que lamentou que o programa “non acabe de arrancar” xa que as comunidades seguen á espera de que o Goberno central aclare se vai permitir a mobilidade dos beneficiarios entre autonomías ou habilitará unha plataforma única para xestionar estas axudas.

De forma complementaria a este tipo de incentivos económicos, en todo caso, a Xunta seguirá impulsando actuacións directas para incrementar o actual parque público residencial, tanto pola vía da rehabilitación como da obra nova.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou o impulso que suporá o programa Rexurbe para os municipios da Coruña e de Betanzos, a través do cal a Xunta mobilizará 7,2 millóns de euros en ambos concellos, tendo en conta tanto os investimentos xa executados como os fondos previstos para seguir coas obras de rehabilitación e adquirir máis inmobles.

En canto ás novas promocións na cidade herculina, cómpre lembrar as 80 vivendas de promoción pública de Xuxán —40 con remate previsto para o verán e 40 cuxo proxecto se adxudicará en xuño— e o concurso de solo residencial que convocará a Xunta este semestre, no que se ofertarán 5 parcelas con capacidade para 224 vivendas protexidas que se sumarán ás 196 previstas nas 3 fincas adxudicadas no ano 2020.

Beneficiarios na área coruñesa
Durante a súa intervención no foro, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial na Coruña e na súa área.

Así, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías das axudas e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

En concreto, haberá outros incentivos á rehabilitación residencial dirixidos a particulares e comunidades, como as axudas a nivel de vivenda, que se poden solicitar ata o 14 de outubro para obter ata 3.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares, principalmente a través do cambio de ventás; ou a convocatoria de axudas na área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, aberta ata o 30 de setembro e de especial interese nesta área xa que o Camiño Inglés discorre por A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Mesía, Miño, Paderne, Sobrado e Vilasantar.

Ao respecto, cómpre lembrar que no marco das dúas últimas convocatorias 22 particulares con inmobles e vivendas localizados nalgún destes concellos da área coruñesa recibiron axudas de ata 25.000 euros para rehabilitar as súas propiedades, unhas subvencións coas que se mellora á vez a imaxe que reciben os peregrinos destas zonas.

Por outra banda e co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, a Xunta destinará este ano máis de 1,5 millóns de euros á convocatoria do programa de axudas dirixido a mozos que merquen a súa vivenda habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Así mesmo, tamén está aberto o prazo para solicitar tanto as subvencións para mercar unha vivenda de promoción pública como para a adquisición de inmobles localizados nalgún dos case medio cento de centros históricos que hai en Galicia.

Con respecto a estas últimas, cómpre lembrar que en convocatorias anteriores tiveron moi boa acollida entre os veciños da Coruña e de Betanzos, os dous municipios da área nos que se poden solicitar. Así, en 2021 sete familias coruñesas compraron a súa vivenda habitual na Cidade Vella, mentres que no caso de Betanzos houbo dous beneficiarios.

Por iso, a conselleira animou aos veciños que participaron hoxe ao encontro a aproveitar tamén este ano as axudas de ata 15.000 euros —se están localizadas dentro da Área Rexurbe coruñesa— que teñen á súa disposición para mercar unha vivenda nesta zona da cidade, lembrando que o prazo para poder acollerse ás mesmas permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Por último, no marco do foro #ConstruíndoFogar tamén se informou aos asistentes de que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar desde a páxina web do IGVS.